Declaración institucional polo Día Internacional da Nonviolencia

Venres, 2 de outubro de 2015.

 

gandhi

 “Existen moitas causas polas que estou disposto a morrer, pero ningunha pola cal estea disposto a matar”.

(Mahatma Gandhi, A historia dos meus experimentos coa verdade, 1927)

 

 Con motivo da conmemoración, o vindeiro Venres, 2 de Outubro, do DÍA INTERNACIONAL DA NONVIOLENCIA, proclamado por Nacións Unidas ( http://www.un.org/es/events/nonviolenceday/ ) , no aniversario do nacemento de Mahatma Gandhi, e co obxecto de chamar a atención das persoas, institucións, organizacións non gobernamentais, sociedade civil en xeral e, particularmente, dos centros educativos, sobre o valor da nonviolencia, da paz, do diálogo e da negociación, como instrumentos para abordar a resolución pacífica dos conflitos e a mellora da convivencia, o Seminario Galego de Educación para a Paz, fai tamén un chamamento ás forzas políticas parlamentarias galegas para que atopen vías de entendemento e concordia sobre as violencias que existen na sociedade que estamos a vivir e sobre a súa prevención e erradicación.

  Ningunha acción violenta, directa, estrutural ou cultural, pode estar xustificada nunha sociedade democrática. A violencia, en ningunha das súas formas, pode admitirse nun estado de dereito como método para acadar obxectivos políticos, sociais ou culturais. A nonviolencia activa, a desobediencia civil, a obxección de conciencia ou a insubmisión pacífica fronte a leis ou políticas inxustas están lexitimadas e deben ser contempladas no ordenamento xurídico nunha sociedade autenticamente democrática e avanzada. Porque a nonviolencia é moito máis que non ser violentos, é buscar e promover alternativas para reducir o sufrimento e o dano entre os seres humanos.

  Polo mesmo, a apoloxía da violencia, en calquera das súas formas, por acción ou omisión, do franquismo, do fascismo, do nazismo, do terrorismo, do belicismo, da desigualdade, do sexismo, do racismo, da xenofobia, non son aceptables nunha formación política democrática e, en consecuencia, non poden ser amparadas nin toleradas, polo que deberan ser perseguidas de oficio.

  De acordo coa Resolución A/RES/61/271, da Asemblea Xeral do 15 de Xuño de 2007, das Nacións Unidas, debemos reafirmar hoxe a relevancia universal do principio da nonviolencia e promover tódolos esforzos, individuais e colectivos, para construír unha Cultura de Paz, tolerancia e comprensión entre os pobos.

  Por último, o Seminario Galego de Educación para a Paz reitera o chamamento para que a Ponencia Conxunta do Parlamento Galego co fin de aprobar unha Lei de Fomento da Cultura da Paz de Galicia, constituída oficialmente na anterior lexislatura, se faga efectiva no actual periodo de sesións, e como proba inequívoca de que as forzas políticas parlamentarias galegas comparten principios e obxectivos en materia de paz e nonviolencia.

pistola_paz


Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *