Texto da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

un-meeting-10-dec--48-_es

 

O 10 de decembro de 1948, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou e proclamou a Declaración Universal de Dereitos Humanos, cuxo texto completo figura neste artigo.

Tras este acto histórico, a Asemblea pediu a todos os Países Membros que publicasen o texto da Declaración e dispuxesen que fose «distribuído, exposto, lido e comentado nas escolas e outros establecementos de ensino, sen distinción fundada na condición política dos países ou dos territorios».

Preámbulo

Considerando que a liberdade, a xustiza e a paz no mundo teñen por base o recoñecemento da dignidade intrínseca e dos dereitos iguais e inalienables de todos os membros da familia humana;

Considerando que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinaron actos de barbarie ultrajantes para a conciencia da humanidade, e que se proclamou, como a aspiración máis elevada do home, o advenimiento dun mundo en que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, gocen da liberdade de palabra e da liberdade de crenzas;

Considerando esencial que os dereitos humanos sexan protexidos por un réxime de Dereito, a fin de que o home non se vexa compelido ao supremo recurso da rebelión contra a tiranía e a opresión; Considerando tamén esencial promover o desenvolvemento de relacións amigables entre as nacións;

Considerando que os pobos das Nacións Unidas reafirmaron na Carta a súa fe nos dereitos fundamentais do home, na dignidade e o valor da persoa humana e na igualdade de dereitos de homes e mulleres, e declaráronse resoltos a promover o progreso social e a elevar o nivel de vida dentro dun concepto máis amplo da liberdade;

Considerando que os estados Membros comprometéronse a asegurar, en cooperación coa Organización das Nacións Unidas, o respecto universal e efectivo aos dereitos e liberdades fundamentais do home, e

Considerando que unha concepción común destes dereitos e liberdades é da maior importancia para o pleno cumprimento de devandito compromiso; A Asemblea Xeral proclama a presente

Declaración Universal de Dereitos Humanos como ideal común polo que todos os pobos e nacións deben esforzarse, a fin de que tanto os individuos como as institucións, inspirándose constantemente nela, promovan, mediante o ensino e a educación, o respecto a estes dereitos e liberdades, e aseguren, por medidas progresivas de carácter nacional e internacional, o seu recoñecemento e aplicación universais e efectivos, tanto entre os pobos dos Estados Membros como entre os dos territorios colocados baixo a súa xurisdición.

 

EleanorRooseveltHumanRights

 

DECLARACIÓN UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS

Artigo 1.

Todos os seres humanos polo feito de naceren son libres e iguais en dignidade e dereitos e, tendo como teñen razón e conciencia, débense comportar fraternalmente uns cos outros.

Artigo 2.

  1. Toda persoa ten todos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción ningunha de raza, cor, sexo, lingua, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición.
  2. Ademais, non se fará distinción ningunha fundada na condición política, xurídica ou internacional do país ou territorio do que dependa xurisdicionalmente unha persoa, tanto se se trata dun país independente, como dun territorio baixo administración fiduciaria, non autónomo ou sometido a calquera outra limitación da soberanía.

Artigo 3.

Todo individuo ten dereito á vida, á liberdade e á seguridade da súa persoa.

Artigo 4.

Ninguén estará sometido á escravitude nin á servidume; a escravitude e a trata de escravos están prohibidas en todas as súas formas.

Artigo 5.

Ninguén será sometido a torturas nin a penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes.

Artigo 6.

Todo ser humano ten dereito, en todas as partes, ó recoñecemento da súa personalidade xurídica.

Artigo 7.

Todos son iguais perante a lei e teñen, sen distinción, dereito a igual protección da lei. Todos teñen dereito a igual protección contra toda discriminación que infrinxa esta Declaración e contra toda provocación a tal discriminación.

Artigo 8.

Toda persoa ten dereito a un recurso efectivo diante dos tribunais nacionais competentes, que a protexan contra actos que violen os seus dereitos fundamentais recoñecidos pola constitución ou pola lei.

Artigo 9.

Ninguén poderá ser arbitrariamente detido, preso nin desterrado.

Artigo 10.

Toda persoa ten dereito, en condicións de absoluta igualdade, a ser oída publicamente e con xustiza por un tribunal independente e imparcial, para determinar os seus dereitos e obrigas ou para o exame de calquera acusación en contra dela en materia penal.

Artigo 11.

  1. Toda persoa acusada de delicto ten dereito a que se presupoña a súa inocencia mentres non se probe a súa culpabilidade, conforme á lei e en xuízo público no que se lle asegurasen todas as garantías necesarias para a súa defensa.
  2. Ninguén será condenado por actos ou omisións que no momento de cometerse non fosen delictivos segundo o Dereito nacional ou internacional. Tampouco se impoñerá pena máis grave que a aplicable no momento de cometer o delicto.

Artigo 12.

Ninguén será obxecto de inxerencias arbitrarias na súa vida privada, na súa familia, no seu domicilio ou na súa correspondencia, nin de ataques á súa honra ou á súa reputación. Toda persoa ten dereito á protección da lei contra tales inxerencias ou ataques.

Artigo 13.

  1. Toda persoa ten dereito a viaxar libremente e a elixir a súa residencia no territorio dun Estado.
  2. Toda persoa ten dereito a saír de calquera país, incluso do propio, e a volver ó seu

Artigo 14.

  1. No caso de persecución, toda persoa ten dereito a buscar asilo, en circunstancias independentes da súa vontade.
  2. Este dereito non poderá ser invocado contra unha acción xudicial realmente orixinada por delictos non políticos ou por actos opostos ós propósitos e principios das Nacións Unidas.

Artigo 15.

  1. Toda persoa ten dereito a unha nacionalidade.
  2. A ninguén se lle quitará arbitrariamente a súa nacionalidade nin o dereito a cambiar dela.

Artigo 16.

  1. Os homes e as mulleres, desde a idade núbil, teñen dereito, sen restricción ningunha por motivos de raza, nacionalidade ou relixión, a casar e fundar unha familia; e gozarán dos mesmos dereitos en canto ó matrimonio, durante o matrimonio e no caso de disolución do matrimonio.
  2. Só mediante libre e pleno consentimento dos futuros cónxuxes se poderá contraer o matrimonio.
  3. A familia é o grupo natural e fundamental da sociedade e ten dereito á protección da sociedade e do Estado.

Artigo 17.

  1. Toda persoa tanto ela soa como en asociación con outras, ten dereito a bens propios.
  2. Ninguén será privado arbitrariamente da súa propiedade.

Artigo 18.

Toda persoa ten dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión; este dereito abrangue a liberdade de cambiar de relixión ou de crenza, así como a liberdade de manifestar a súa relixión ou a súa crenza, individual ou comunitariamente, tanto en público como en privado, polo ensino, a práctica, o culto e a observación dos ritos.

Artigo 19.

Todo individuo ten dereito á liberdade de opinión e de expresión; este dereito inclúe o de non ser molestado a causa da súa opinión, o de procurar e recibir información e opinións, e o de espallalas sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión.

Artigo 20.

  1. Toda persoa ten dereito á liberdade de xuntanza e de asociación pacíficas.
  2. Ninguén poderá ser obrigado a formar parte dunha asociación.

Artigo 21.

  1. Toda persoa ten dereito a participar no goberno do seu país, directamente ou por medio de representantes libremente escollidos.
  2. Toda persoa ten dereito de acceso, en condicións de igualdade, ás funcións públicas do seu país.
  3. A vontade do pobo é a base da autoridade do poder público; esta vontade expresarase por medio de eleccións auténticas, que terán que celebrarse periodicamente, por sufraxio universal e igual e por voto secreto ou outro procedemento semellante que garanta a liberdade do voto.

Artigo 22.

Toda persoa, como membro da sociedade, ten dereito á seguridade social, e a obter, por medio do esforzo nacional e da cooperación internacional, habida conta da organización e os recursos de cada Estado, a satisfacción dos dereitos económicos, sociais e culturais, indispensables á súa dignidade e ó libre desenvolvemento da súa personalidade.

Artigo 23.

  1. Toda persoa ten dereito ó traballo, á libre elección do seu traballo, a condicións equitativas e satisfactorias do mesmo e á protección contra o desemprego.
  2. Toda persoa ten dereito, sen discriminación ningunha, a igual xornal por traballo igual.
  3. Toda persoa que traballa ten dereito a unha remuneración equitativa e satisfactoria, que lle asegure, así como á súa familia, existencia conforme á dignidade humana e que será completada, en caso necesario, por calquera outros medios de protección social.
  4. Toda persoa ten dereito uníndose con outras, a fundar sindicatos e a sindicarse para a defensa dos seus intereses.

Artigo 24.

Toda persoa ten dereito ó descanso, a gozar do tempo libre, a unha limitación razoable do tempo de traballo e a vacacións periódicas pagadas.

Artigo 25.

  1. Toda persoa ten dereito a un nivel de vida axeitado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a manutención, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servicios sociais necesarios; ten así mesmo dereito ós seguros no caso de desemprego, enfermidade, invalidez, viuvez, vellez ou outros casos de perda dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade.
  2. A maternidade e a nenez teñen dereito a coidados e asistencias especiais. Todos os nenos e nenas, nados de matrimonio ou fóra del, teñen dereito a igual protección social.

Artigo 26.

  1. Toda persoa ten dereito á educación. A educación debe ser de balde, polo menos no que se refire á instrucción elemental e fundamental. O ensino elemental será obrigatorio. A instrucción técnica e profesional terá que ser xeneralizada; o acceso ós estudios superiores será igual para todos, en función dos méritos respectivos.
  2. A educación terá como obxectivo o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto ós dereitos humanos e ás liberdades fundamentais; favorecerá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as nacións e todos os grupos étnicos e relixiosos; e promoverá o desenvolvemento das actividades das Nacións Unidas para manter a paz.
  3. Os pais terán dereito preferente a escoller o xeito de educación que se lles deberá dar ós seus fillos.

Artigo 27.

  1. Toda persoa ten dereito a tomar parte libremente na vida cultural da comunidade, a gozar das artes e a participar no progreso científico e nos beneficios que del resulten.
  2. Toda persoa ten dereito á protección dos intereses morais e materiais que lle correspondan por razón das produccións científicas, literarias ou artísticas das que sexa autora.

Artigo 28.

Toda persoa ten dereito a que se estableza unha orde social e internacional na que se fagan plenamente efectivos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración.

Artigo 29.

  1. Toda persoa ten deberes respecto á comunidade posto que só nela pode desenvolver libre e plenamente a súa personalidade.
  2. No exercicio dos seus dereitos e no goce das súas liberdades, toda persoa estará suxeita só ás limitacións establecidas pola lei co único fin de asegurar o recoñecemento e o respecto dos dereitos e liberdades dos demais, e de satisfacer as esixencias xustas da moral, da orde pública e do benestar xeral propios dunha sociedade democrática.
  3. Estes dereitos e liberdades non poderán, en ningún caso, ser exercidos en oposición ós propósitos e principios das Nacións Unidas.

Artigo 30.

Ningunha cousa da presente Declaración se poderá interpretar no sentido de que confire algún dereito ó Estado, a un grupo ou a unha persoa, para emprender e desenvolver actividades ou realizar actos tendentes á supresión de calquera dos dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración.

 

Naiones Unidas Escudo


Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *