UN ACORDO ILEGAL E INMORAL QUE ATENTA CONTRA OS DEREITOS HUMANOS

10410608_499220030284798_7357042526114894235_n

As organizacións asinantes amosamos a nosa máis enérxica repulsa polo inmoral Acordo alcanzado ente a UE e Turquía. É vergoñoso, ilegal e vulnera a Carta de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e a Convención do Estatuto do Refuxiado. Ante esta situación, instan o Goberno español a non apoiar o devandito acordo e convocan á cidadanía a concentracións cidadás o próximo 16 de marzo.
As organizacións asinantes deste comunicado denunciamos que a Unión Europea trata as persoas refuxiadas como moeda de cambio co Goberno de Turquía ao tempo que pon de manifesto a deterioración do proxecto europeo cun acordo que traslada a crise das persoas refuxiadas fóra das súas fronteiras.
O acordo previo adoptado o 7 de marzo polo Consello de Europa con Turquía evidencia a absoluta insensibilidade da UE e os Estados membros ante a crise humanitaria das persoas refuxiadas que arriscan a súa vida fuxindo da guerra. Para os efectos, este acordo consolida o modelo de “devolucións en quente” que o Estado español puxo en marcha en Melilla (e incluíu na Lei de Seguridade Cidadá), á vez que facilita o ingreso na Unión Europea de Turquía, onde se suceden os exemplos de retroceso na garantía dos dereitos das persoas.
O trato, que implica devolver a Turquía a todas as persoas que cheguen ilegalmente ás costas gregas, incluída a poboación siria, a cambio do compromiso de traer desde Turquía a un número de persoas refuxiadas equivalente ao de expulsións, consolida o fracaso que está a supoñer a xestión desta crise no marco da UE. A deriva na xestión destes fluxos migratorios e na obrigación legal de atender á poboación solicitante de asilo mostra a falta de vontade política e a incoherencia dunha UE que en setembro alcanzaba un acordo para a distribución de 120.000 persoas chegadas ás costas de Grecia e Italia. Delas, case 17.000 debían chegar ao Estado español: a día de hoxe, só o fixeron 18.
A Unión Europea urdiu un plan que vulnera a especial protección que o dereito internacional lles recoñece ás persoas que demandan asilo mediante a asimilación de inmigrantes económicos e refuxiados, todas elas consideradas «ilegais». Ademais, expulsarase a Turquía as persoas refuxiadas que chegaron a Europa por esta vía.
A falta de escrúpulos de Europa afástaa dos seus valores fundacionais e de calquera credibilidade na súa posición ante a defensa dos dereitos humanos. Lavarse as mans e subcontratar as devolucións a Turquía por 3.000 millóns de euros, polos custos de xestión, e 3.000 millóns adicionais en 2018, sen ningún mecanismo de control do destino do orzamento ademais de ilegal e vergonzoso . Este acordo ampliase ademais coa eliminación do requisito de visado para as persoas con cidadanía turca en Europa a partir de xuño de 2016 e a axilización da entrada de Turquía na UE. Obviouse, curiosamente, que o Goberno de Erdogan viola de forma reiterada dereitos fundamentais como a liberdade sindical, o dereito laboral, a liberdade de prensa e expresión —como o recente caso do diario Zanan, próximo á oposición ao Goberno turco—, ou o exterminio do pobo kurdo.
As persoas refuxiadas foxen da guerra e buscan a protección internacional. Facer delas unha mercadoría para o intercambio económico é inhumano e non solucionará o problema de orixe: pagar a Turquía non eliminará o perigo a que poboación siria, iraquí e outros pobos están expostos nos seus propios países.
O sistema un-por-un (intercambio de refuxiados e refuxiadas sirias) non ten sentido e é unha violación do dereito internacional e dos tratados da UE.
A UE non debería nin sequera considerar pagarlle a Turquía para manter as persoas refuxiadas en campamentos inhumanos sen ningunha perspectiva, e non debería haber ningún intercambio entre o seu mantemento fóra de Europa e a aceleración das negociacións de adhesión á UE.
As organizacións asinantes deste manifesto, levamos moito tempo defendendo que a comunidade internacional debería investir tempo e recursos en restablecer a paz en Oriente Medio, asumindo a súa responsabilidade nesta crise humanitaria que vén derivada en moitos casos das intervencións militares imperialistas levadas a cabo pola UE e EEUU, en función dos seus intereses xeoestratéxicos, en moitos dos países dos que proceden estas persoas.
As organizacións asinantes deste manifesto consideramos pois unha inmoralidade e unha grande hipocrisía o que está a facer a UE coas persoas refuxiadas e inmigrantes en xeral e manifestamos o noso máis absoluto rexeitamento á política da UE e dos seus Estados membros ante a maior crise humanitaria desde a segunda guerra mundial. A UE ten capacidade de resposta e de solución da mesma o que non ten é vontade política para facelo.
Por todo isto, en consecuencia, esiximos do Goberno español o total rexeitamento do principio de acordo con Turquía, no próximo Consello Europeo do 17 de marzo.
Por último, ante a gravidade dos feitos que estamos a denunciar, animamos a todas as organizacións sociais e políticas, e a todo o pobo no seu conxunto, a que promovan e participen nas mobilizacións que se convocan en todo o Estado español para a tarde deste 16 de marzo, para denunciar a actitude de Gobernos e institucións europeas e para esixir medidas urxentes ante a maior crise humanitaria á que se enfronta Europa.

 

ORGANIZACIÓNS:
CCOO-Galicia; CIG; UGT-Galicia; Anova; BNG; En Marea; EU; PSdG; Podemos; Asemblea de Cooperación Pola Paz Galicia; Coordinadora Galega de ONGD; Foro Galego de Inmigración; Seminario Galego de Educación para a Paz.


One thought on “UN ACORDO ILEGAL E INMORAL QUE ATENTA CONTRA OS DEREITOS HUMANOS

  1. Timoteo Responder

    Paz

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *