O Seminario Galego de Educación para a Paz participa na celebración dos 20 anos do Fondo Galego

Cartel do evento conmemorativo dos 20 anos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Seminario Galego de Educación para a Paz está convidado a participar este xoves, 9 de novembro, no acto de conmemoración dos vinte anos de andaina do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O evento combinará a reivindicación da loita contra a pobreza e a defensa dos Dereitos Humanos con actividades de carácter lúdico para concienciar fronte as desigualdades. Preto de un cento de representantes de concellos galegos, da Xunta e de fondos de cooperación doutras comunidades autónomas, entre outros, confirmaron xa a súa presenza na xornada, que se desenvolverá a partir das 11 horas na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela).

A compañía de clown Pallasos en Rebeldía será a encargada de conducir o evento, que contará cos contos da Tropa de Trapo, a lectura de poemas e relatos por parte da escritora Marilar Aleixandre ou a música do grupo de mulleres de orixe caboverdiana Batuko Tabanka. As actuacións intercalaranse con discursos a cargo do presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González; da vicepresidenta da Confederación de Fondos, Xelo Angulo; do secretario xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Eduardo Ramonde, e mais da directora xeral da Administración Local da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias, alén doutras autoridades. Ademais, proxectaranse varios vídeos sobre a entidade e nos soportais da Biblioteca instalarase a exposición 20 anos a Fondo coa solidariedade, deseñada polo ilustrador Pepe Carreiro.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, na actualidade, Mozambique.

Ao tempo, promove numerosas actividades e materiais para sensibilizar á cidadanía galega a prol da solidariedade internacional, a realidade do Sur, a equidade de xénero, as persoas migrantes e refuxiadas, etc. O Fondo Galego está  recoñecido pola Fegamp como axencia municipal da cooperación galega e avalado pola Unión Europea como referente para a promoción das redes de cooperación descentralizada.


Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *