Moitas son xa as peticións dos centros de ensino para difundir a Declaración Universal dos Dereitos Humanos entre os escolares

Neste 2017, véspera do 70 aniversario da promulgación da Declaración Universal o Seminario Galego de Educación para a Paz decidiu reeditar o seu caderno, xa por quinta vez, coa dita Declaración xunto cos Dereitos do Neno.

O próximo 10 de decembro celébrase o Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e arredor dese día moitos centros de ensino programan actividades de difusión da Declaración.

O SGEP quere axudar nesta tarefa e por esta razón puxo á disposición de todos os centros de educativos de Santiago exemplares desta reedición.

Xa son varios os centros de ensino da cidade que responderon á comunicación remitida indicando que estaban interesados en ser receptores de exemplares do caderno que edita o Seminario Galego de Educación para a Paz.

A imaxe que se pode ver é a portada desta nova reedición, ilustrada por Paula Andrade Brea.

Desde o SGEP agardamos que, non só na forma, senón no fondo, esta reedición sexa de axuda para o profesorado que promove cada día a educación para a Paz nas súas aulas como eixo transversal das súas materias e que sexa un piar central na vida das futuras xeracións co fin de para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.

 

Por último, no caso de que o teu centro de ensino estea interesado en recibir algúns volumes deste caderno, ponte en contacto co SGEP a través do enderezo electrónico comunicacion@sgep.org.


Esta reedición foi financiada polo Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago.