O Seminario Galego de Educación para a Paz participa na celebración dos 20 anos do Fondo Galego

Cartel do evento conmemorativo dos 20 anos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Seminario Galego de Educación para a Paz está convidado a participar este xoves, 9 de novembro, no acto de conmemoración dos vinte anos de andaina do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O evento combinará a reivindicación da loita contra a pobreza e a defensa dos Dereitos Humanos con actividades de carácter lúdico para concienciar fronte as desigualdades. Preto de un cento de representantes de concellos galegos, da Xunta e de fondos de cooperación doutras comunidades autónomas, entre outros, confirmaron xa a súa presenza na xornada, que se desenvolverá a partir das 11 horas na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela).

A compañía de clown Pallasos en Rebeldía será a encargada de conducir o evento, que contará cos contos da Tropa de Trapo, a lectura de poemas e relatos por parte da escritora Marilar Aleixandre ou a música do grupo de mulleres de orixe caboverdiana Batuko Tabanka. As actuacións intercalaranse con discursos a cargo do presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González; da vicepresidenta da Confederación de Fondos, Xelo Angulo; do secretario xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Eduardo Ramonde, e mais da directora xeral da Administración Local da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias, alén doutras autoridades. Ademais, proxectaranse varios vídeos sobre a entidade e nos soportais da Biblioteca instalarase a exposición 20 anos a Fondo coa solidariedade, deseñada polo ilustrador Pepe Carreiro.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, na actualidade, Mozambique.

Ao tempo, promove numerosas actividades e materiais para sensibilizar á cidadanía galega a prol da solidariedade internacional, a realidade do Sur, a equidade de xénero, as persoas migrantes e refuxiadas, etc. O Fondo Galego está  recoñecido pola Fegamp como axencia municipal da cooperación galega e avalado pola Unión Europea como referente para a promoción das redes de cooperación descentralizada.

ACAMPA 2017, O SGEP coa xente refuxiada

 

Baixo unha itensa calor nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña o SGEP ven de participar os días 15-18 de Xuño de 2017 no ACAMPA, xornadas solidarias coas xentes refuxiadas de todo o Mundo. Nestes tempos de conflito no que tantos seres humáns están a seren desprazados do seu fogar por causas alleas a súa vontade, o SGEP quere axudar a sensibilizar á Sociedade coa súa presenza nestas xornadas. Hoxe son el@s mñá podemos ser nós.  Pola liberdade, polos Dereitos Humáns, pola protección da infancia que é o futuro da Humanidade merece a pena pasar calor e colaborar. Tedes libros, camisetas e outras couas á venda no noso posto, coa compra destes produtos estades axudando a moita xente e a sensibilizar aos demáis. Moitas grazas a tod@s os que están a visitar o posto e a participar nas actividades da ACAMPA. Esperamos que todo sexa un éxito e voltar na próxima ocasión. 

Fotos de Nisa Parada

 

ARTE PAZ 2017

Chega a Compostela a mostra itinerante de ArtePaz 2017. Agradecemos a notable participación de público que está a visitar a exposición e a facer preguntas sobre ela e o SGEP. Tamén a boa acollida do Centro Sociocultual Santa Marta. Merece a pena achegarse.Vos animamos a visitala ate o sábado 4 de Febreiro incluido. 

O SGEP participa en Xerez nas xornadas e AIPAZ “Memoria (s) para a convivencia e a construcción de futuro”

descarga

 

Carmen Durán, Secretaria de Relacións Sociais do SGEP estará en Xeréz da Fronteira (Cádiz) representando ao Seminario nas Xornadas “Memoria (s) para a convivencia e a construcción de futuro” organizadas pola AIPAZ e apoiadas pola Xunta de Andalucía que terán lugar os vindeiros 24 e 25 de Novembro. 

O SGEP é membro da Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ) que foi constituída en 1997 co obxectivo de analizar a Paz e os conflitos dende unha perspectiva multidisciplinar que abrangue a eliminación das distintas formas de violencia, a promoción da Xustiza, o respecto dos Dereitos Humanos, o desenvolvemento e a resolución pacífica dos conflitos. Esta Asociación  declárase comprometida con aqueles valores e prácticas sociais tendentes á construcción dunha cultura e sociedade de paz. AIPAZ está formada por asociacións, centros, institutos e persoas relacionadas coa investigación e a educación para a paz de toda España.

 Máis información sobre AIPAZ en www.aipaz.org

Podedes descargar aquí o interesante PROGRAMA DAS XORNADAS