Presentación da revista 'En Son de Paz', número 01 PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Manuel Dios Diz   
Luns, 20 Xuño 2011 10:51


Presentación do primeiro número da publicación En Son de Paz, revista virtual do Seminario Galego de Educación para a Paz - Fundación Cultura de Paz, monográfico dedicado ao Ano Europeo do Voluntariado 2011. A revista leva artigos de Roser Batlle, Xabier Agrafoxo, Xosé María Torres Bouza, Daniel Fumega González, Manuela Mesa e Federico Mayor Zaragoza, así como unha minuciosa guía de recursos sobre o Ano Europeo do Voluntariado 2011 e outras informacións salientábeis da actividade do Seminario Galego de Educación para a Paz.


A modo de presentación

Sempre é unha enorme satisfacción, persoal e colectiva, encetar un camiño novo. Como sabemos, facémolo dando sempre un primeiro paso. Trátase, polo mesmo, de asentarnos ben, cos pés, co corpo e coa cabeza, na realidade propia, con rumbo claro, para reflexionar, debater e actuar.

Con ese obxectivo nace En son de paz, a revista virtual do Seminario Galego de Educación para a Paz. Leva como subtítulo “Cadernos Monográficos” para deixar constancia do que se trata, unhas monografías periódicas arredor dun tema que consideremos de interese. Nesta ocasión, escollemos as celebracións do Ano Europeo do Voluntariado para achegármonos, desde enfoques e perspectivas plurais, interdisciplinares, a un asunto de grande relevancia, como é o da solidariedade nas iniciativas voluntarias das organizacións non gobernamentais ou do terceiro sector.

Quixera agradecer, en nome propio e no da Xunta Directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz, o esforzo realizado polas persoas que coordinaron esta revista virtual, particularmente, a Amaranta Juiz e a Daniel Fumega, alumnado en prácticas da USC, así como ós autores e autoras das reflexións que figuran neste primeiro número, xunto ó deseñador, Manoel Santos, pola súa colaboración.

A investigación para a paz, a reflexión, o debate, a acción política e social, o activismo, non están en contradicción, aliméntanse mutuamente, son inseparables, para unha entidade como a nosa, que nacíu e se desenvolveu con vocación de intervención educativa, política e social.

Hoxe, cando vimos de entrar no noso vinteseis aniversario (1985-2011) decidimos abrir unha nova xanela ó coñecemento, virtualmente, aproveitando as novas tecnoloxías da información e a comunicación, para facer chegar as nosas mensaxes, a todas aquelas persoas que conforman (ou deben conformar) a Internacional da Bondade, esa rede que o mundo necesita, esa urdime de afectos, de sentimentos, de protestas e de propostas, para construir ese “outro mundo posible” que soñamos.

Parabéns e boa viaxe...

Manuel Dios Diz
Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz

Pode baixar a revista en pdf premendo na portada: