Declaración institucional da plataforma "Galicia con Garzón" PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Seminario Galego de Educación para a Paz   
Venres, 13 Xaneiro 2012 12:25

Galicia con GarzónConvocamos un acto cívico o vindeiro día 25 de xaneiro, as 20:00 horas, en Pontevedra, ó que convidamos a participar a toda a sociedade civil galega.

Diante do inminente inicio dos xuízos contra do xuíz Baltasar Garzón Real, as organizacións integrantes da Plataforma “Galicia con Garzón” (UGT, CC.OO, Fundación Luís Tilve, Fundación e Asociación Érguete, Ateneo de Santiago de Compostela, Ateneo de Pontevedra, Proxecto Home, Asociación Galega contra o Narcotráfico, Foro Galego da Inmigración, Proxecto Nomes e Voces, Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña, Fundación 10 de Marzo, Xustiza e Sociedade, Pen Club de Galicia, Xeneme e o Seminario Galego de Educación para a Paz, xunto con diversas personalidades do mundo da cultura), reunidas en Santiago de Compostela, acordan:

Adherirse a cantos actos se convoquen, nos distintos ámbitos territoriais, de apoio e solidariedade co xuíz, particularmente o que terá lugar en Madrid o vindeiro día 14 de xaneiro, e os convocados para o día 24 deste mesmo mes.

Convocar un ACTO CÍVICO o vindeiro día 25 de xaneiro, as 20:00 horas, en Pontevedra, ó que convidamos a participar a toda a sociedade civil galega, e no que intervirán diversas personalidades dos distintos ámbitos sociais e culturais galegos con obxectivo de respaldar, agradecer, apoiar e solidarizarse co xuíz Baltasar Garzón Real.

Respaldar a traxectoria dun xuíz honrado e valente, comprometido a fondo coa xustiza, cos dereitos humanos, coa loita contra o narcotráfico, co recoñecemento e respecto ós dereitos das vítimas da ditadura franquista en España, e contra da corrupción política. Un xuíz abandeirado da Xustiza Universal e da loita fronte da impunidade dos crimes contra da Humanidade.

Agradecer a súa coherencia e o seu compromiso coa Lei e cos dereitos da xente, que fan deste xuíz unha persoa querida por todos aqueles que no noso pais e no resto do mundo teñen “fame e sede de xustiza”. Quéreno as mulleres da Praza de Maio arxentinas, os demócratas chilenos, as nais galegas e do resto de España loitadoras contra o narcotráfico, as familias dos mortos e desaparecidos vítimas da guerra civil e da represión da ditadura franquista, os cidadáns que desexan un pais libre da corrupción política. Admírano en ducias de Universidades de todo mundo que o premiaron e honraron coas súas mellores distincións. Respecto e admiración que se recoñece nas principais institucións xurídicas internacionais.

Apoiar a un xuíz tamén temido e odiado, si, pero polos delincuentes, narcotraficantes, terroristas, ditadores e corruptos calquera que sexa o seu signo político. Temido, odiado e perseguido polas tramas escuras ó servizo de escuros intereses de poderosos grupos económicos e políticos que desexan velo privado do seu principal atributo: o de Xuíz.

Solidarizarse con Baltasar Garzón Real polo que merece, polo que representa e polo que simboliza. Non é esaxerado afirmar que para millóns de persoas en España, e mesmo en todo o mundo, os xuízos que agora  están a piques de comezar van poñer a proba a calidade da democracia española e particularmente a do seu sistema xudicial.

Sería sorprendente e moi difícil de entender que antes de que os imputados na maior trama de corrupción política da que temos noticia no noso pais sexan xulgados, Baltasar Garzón sexa expulsado da carreira xudicial, precisamente o xuíz que destapou e iniciou esta investigación.

Dende o noso respecto obrigado á Xustiza, compartimos as preocupacións dun amplo sector da cidadanía polo estraño inicio dos procedementos para actuar contra este xuíz, e dos sucesivos incidentes igualmente estraños habidos ate agora, que incluso chegaron a sementar dúbidas sobre a limpeza e imparcialidade dos xuízos que agora se inician.

Sabemos do sentido da dignidade do pobo galego posta de manifesto en múltiples ocasións. Consideramos que sería indigno e impropio dunha sociedade que se di solidaria e democrática deixar só a Xuíz Garzón neste intre tan difícil para el, para a súa familia e para a nosa futura convivencia democrática. Nin Garzón nin o noso pobo o merecen.

Por iso, facemos un chamamento a toda a cidadanía galega para ampliar a solidariedade con Garzón. El sabe que non está só, mais é importante que tamén o sinta. E que o sinta  o conxunto da sociedade galega. Non é ningún tópico afirmar que a causa e a loita de Garzón, é tamén a causa e a loita de todas e todos os homes e mulleres de ben.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2012
inscricionENVÍA A TÚA ADHESIÓN A:  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

PLATAFORMA GALICIA CON GARZÓN

UGT Galicia, CC.OO Galicia, Fundación Luís Tilve, Fundación e Asociación Érguete, Ateneo de Santiago de Compostela, Ateneo de Pontevedra, Proxecto Home, Asociación Galega contra o Narcotráfico, Foro Galego da Inmigración, Proxecto Nomes e Voces, Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña, Fundación 10 de Marzo, Xustiza e Sociedade, Pen Club de Galicia, Xeneme e o Seminario Galego de Educación para a Paz, xunto con diversas personalidades do mundo da cultura (Manolo Rivas, Marilar Aleixandre, Víctor Freixanes, Xosé Lois Pereiro, Xurxo Souto, Euloxio Ruibal, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé Freixanes, Fina Casalderey, Teresa Navaza, Aurora Marco, Helena Villar Janeiro, Antón Sobral, Fernando Filgueira, Antón Patiño, Menchu Lamas,...).