O SGEP estará en Madrid nas xornadas “Retos para a convivencia e a paz nas cidades”

Os días 1 e 2 de decembro a Asociación Española de Investigación para la Paz (AIPAZ) 

xunto co Instituto Universitario de Derechos Humanos, Democracia, Cultura de Paz y Noviolencia (DEMOSPAZ) organizan en Madrid as xornadas Retos para a convivencia e a paz nas cidades e o Seminario Galego de Educación para a Paz estará presente.

 

As xornadas pretenden ser un punto de achega común, reflexión e debate sobre as oportunidades e retos para a paz e a convivencia nas cidades tendo como referencia o Foro Mundial sobre as Violencias Urbanas e Educación para a Convivencia e a Paz.

 

Ligazón ao programa das xornadas: https://cdn.evbuc.com/eventlogos/233032168/programajornadasaipazdemospaz23.11.pdf

Ligazón ao portal web da AIPAZ: www.aipaz.org

Ligazón ao portal web do DEMOSPAZ: www.demospaz.org

 

 

 

Estamos convidados ao acto de conmemoración do Día Internacional das Cidades Educadoras

A Asociación Internacional de Cidades Educadoras (AICE) reúne a máis de 490 cidades de 36 países de todos os continentes baixo os compromisos dunha Carta na que os gobernos locais asinantes, como

representantes do pobo, promoven o cumprimento dos obxectivos que esta relata apostando de maneira inequívoca pola educación como ferramenta de transformación social a través de todos os ámbitos e ao longo de toda a vida.

O Concello de Santiago de Compostela forma parte desde 1996 da AICE e organiza un acto conmemorativo do Día das Cidades Educadoras que terá lugar o próximo día 30 de novembro ás 12.00h no Pazo de Raxoi no que o Seminario Galego de Educación para a Paz está convidado a participar.

 

 

Ligazón ao portal web da AICE: www.edcities.org

Ligazón á Carta das Cidades Educadoras [PDF]: www.edcities.org/wp-content/uploads/2013/10/CARTA-Gallego.pdf 

 

O SGEP contra as violencias machistas

O Seminario Galego de Educación para a Paz quere manifestar o seu apoio á campaña En negro contra as violencias.
 
O SGEP é unha entidade que traballa a prol dos Dereitos Humanos e da Cultura de Paz que, en síntese, ten como obxectivos a Educación para a Paz, os ditos Dereitos Humanos e a Democracia, a loita contra a exclusión e a pobreza, a defensa do pluralismo cultural e do diálogo intercultural e a resolución pacífica de conflitos, a prevención e a consolidación da Paz.
 
Porén, as premisas da nosa organización baten frontalmente con calquera tipo de violencia, como son as violencias machistas.
 
Podedes atopar xa no mapa de establecementos e organizacións adheridas á campaña a sede do Seminario Galego de Educación para a Paz na rúa Manuel María, núm. 6, nos Salgueiriños, en Santiago.
 
Agardamos que nun futuro próximo estean erradicadas todas as violencias e non sexan precisas estas campañas de sensibilización.
 
Máis información no portal web da campaña: www.ennegrocontraasviolencias.gal
 

Moitas son xa as peticións dos centros de ensino para difundir a Declaración Universal dos Dereitos Humanos entre os escolares

Neste 2017, véspera do 70 aniversario da promulgación da Declaración Universal o Seminario Galego de Educación para a Paz decidiu reeditar o seu caderno, xa por quinta vez, coa dita Declaración xunto cos Dereitos do Neno.

O próximo 10 de decembro celébrase o Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e arredor dese día moitos centros de ensino programan actividades de difusión da Declaración.

O SGEP quere axudar nesta tarefa e por esta razón puxo á disposición de todos os centros de educativos de Santiago exemplares desta reedición.

Xa son varios os centros de ensino da cidade que responderon á comunicación remitida indicando que estaban interesados en ser receptores de exemplares do caderno que edita o Seminario Galego de Educación para a Paz.

A imaxe que se pode ver é a portada desta nova reedición, ilustrada por Paula Andrade Brea.

Desde o SGEP agardamos que, non só na forma, senón no fondo, esta reedición sexa de axuda para o profesorado que promove cada día a educación para a Paz nas súas aulas como eixo transversal das súas materias e que sexa un piar central na vida das futuras xeracións co fin de para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.

 

Por último, no caso de que o teu centro de ensino estea interesado en recibir algúns volumes deste caderno, ponte en contacto co SGEP a través do enderezo electrónico comunicacion@sgep.org.


Esta reedición foi financiada polo Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago.

O Seminario Galego de Educación para a Paz participa na celebración dos 20 anos do Fondo Galego

Cartel do evento conmemorativo dos 20 anos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Seminario Galego de Educación para a Paz está convidado a participar este xoves, 9 de novembro, no acto de conmemoración dos vinte anos de andaina do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O evento combinará a reivindicación da loita contra a pobreza e a defensa dos Dereitos Humanos con actividades de carácter lúdico para concienciar fronte as desigualdades. Preto de un cento de representantes de concellos galegos, da Xunta e de fondos de cooperación doutras comunidades autónomas, entre outros, confirmaron xa a súa presenza na xornada, que se desenvolverá a partir das 11 horas na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela).

A compañía de clown Pallasos en Rebeldía será a encargada de conducir o evento, que contará cos contos da Tropa de Trapo, a lectura de poemas e relatos por parte da escritora Marilar Aleixandre ou a música do grupo de mulleres de orixe caboverdiana Batuko Tabanka. As actuacións intercalaranse con discursos a cargo do presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González; da vicepresidenta da Confederación de Fondos, Xelo Angulo; do secretario xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Eduardo Ramonde, e mais da directora xeral da Administración Local da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias, alén doutras autoridades. Ademais, proxectaranse varios vídeos sobre a entidade e nos soportais da Biblioteca instalarase a exposición 20 anos a Fondo coa solidariedade, deseñada polo ilustrador Pepe Carreiro.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, na actualidade, Mozambique.

Ao tempo, promove numerosas actividades e materiais para sensibilizar á cidadanía galega a prol da solidariedade internacional, a realidade do Sur, a equidade de xénero, as persoas migrantes e refuxiadas, etc. O Fondo Galego está  recoñecido pola Fegamp como axencia municipal da cooperación galega e avalado pola Unión Europea como referente para a promoción das redes de cooperación descentralizada.