10 de decembro – Os dereitos de tod@s

O 10 de decembro de 1948 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas en París proclamou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Para recordar esa xornada e o que significou na historia, cada ano nesa data celebramos o Día dos Dereitos Humanos.

Debemos empregar tamén este día como altofalante das diarias violacións que, por todo o mundo, se suceden e chegan aos nosos oídos, e as que non chegan.

Co obxectivo de facer visibles, reflexionar e sensibilizar sobre a situación de moitas persoas arredor do mundo e sobre as súas terribles historias, estaremos mañá luns 11 de decembro ás 19.30 horas na Praza do Toural nun acto convocado pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas e o Foro Galego de Inmigración.

Esta concentración levará por lema “Non no noso nome” para dar voz á tráxica situación que están a sufrir as persoas refuxiadas ás portas da nosa egoísta Europa que mira cara outro lado.

Convidámosvos a participar deste acto.

ACTUALIZACIÓN

Por mor das malas condicións climáticas, o acto aprázase ao próximo luns 18 de decembro, Día Mundial das Migracións, á mesma hora.

 

Ligazón á Declaración Universal dos Dereitos Humanos (DUDH) en PDF do portal web do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (ACNUDH): http://www.ohchr.org/EN/UDHR/Pages/Language.aspx?LangID=gln

Ligazón ao portal web do ACNUDH (en español): http://www.ohchr.org/SP/Pages/Home.aspx