O SGEP

O Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP) defínese, xenericamente, como unha Asociación sen ánimo de lucro e Organización Non Gobernamental, aos efectos legais pertinentes. Fúndase no ano 1985 e a súa actividade é continua e ininterrompida até a actualidade.

O SGEP busca facer realidade, por medio da educación, os valores e principios da Cultura de Paz, como son o traballo cooperativo, a pluralidade, a creatividade, o compromiso, o dinamismo, o rigor, a crítica construtiva e a estabilidade.

O ámbito de actuación preferente do SGEP é a comunidade educativa, así como outras organizacións prosociais, institucións públicas e medios de comunicación. Porén, a meirande parte das tarefas do Seminario son levadas a cabo en colaboración con outras entidades.

Recentemente o Seminario Galego de Educación para a Paz colaborou e apoiou o proxecto Acampa “pola paz e o dereito ao refuxio” na Coruña, xunto con outras moitas organizacións e colectivos do noso país. Do mesmo xeito, e como fai anualmente, o SGEP entregou o Premio Portapaz 2017 ao Foro Galego de Inmigración ao recoñecemento da súa gran tarefa.Xunto co anterior, a finais de 2016 participou en Xerez nas xornadas organizadas pola Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ) “Memoria(s) para a convivencia e a construción de futuro”, da que forma parte. Nese mesmo ano participou no 40º Aniversario da Asociación Pro Dereitos Humanos de España en Madrid.

Durante a súa longa traxectoria, o SGEP impulsou a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC e ten asinado un convenio de colaboración coa dita institución.  Ademais, promoveu actividades nos centros de ensino de todo o país en datas sinaladas como son o Día Escolar da Non-Violencia e a Paz ou o Día Universal do Neno, a través da creación de materiais didácticos. Organizou o Foro 2010 de Educación, Investigación e Cultura da Paz co apoio do Consello Internacional do Foro Mundial de Educación. No ámbito da cooperación internacional, o SGEP puxo tamén o seu gran de area levando adiante proxectos como foron a Aldea “Nenos para a Paz”, xunto coa Fundación Servicio Paz y Justicia de Arxentina ou a dotación ao Servizo de neonatoloxía do Hospital 1º de Maio de Bolivia co Instituto Secular Cruzada Evangélica (ISCE).

Así mesmo, xunto coas actividades que se realizan en colaboración con outras entidades, o Seminario Galego de Educación para a Paz ten outras moitas de seu que leva a cabo en solitario. Entre estas podemos atopar a creación e edición de materiais didácticos sobre cidadanía e paz e multitude de bibliografía e recursos para o ensino sobre a Cultura de Paz. Tamén contamos con numerosas personalidades de ámbitos como o ensino ou o pensamento crítico e outro eixo fundamentais da actividade do SGEP é a investigación e a divulgación do patrimonio material e inmaterial a través da creación de material curricular e de apoio ao profesorado na resolución pacífica de conflitos ou o acoso escolar de forma transversal.

Os traballos do Seminario Galego de Educación para a Paz nestes anos foron recoñecidos pública e institucionalmente coa concesión de varios premios: de investigación en Ciencias Sociais de Bancaixa (Valencia) por un traballo conxunto sobre a tolerancia, o premio Xustiza e Sociedade en 1998, o León Felipe pola Paz no ano 2000, o Mensaxeiro da Paz da UNESCO tamén no 2000, e o de promoción de condutas tolerantes da Consellería de Educación no 2001.